Skip to main content

MOTOS E MEDIO AMBIENTE

Posted in

 03-11-2007 - danos nos ríosAs recentes noticias sobre un campionato de motos, realizado en Nogueira de Ramuín, dentro dos limites dun espacio natural de monte, así como as declaracións do alcalde e do secretario da comunidade de montes, reclamando sobre os seus beneficios económicos e ausencia de danos lévannos, unha vez mais, a recapacitar sobre o prezo que algúns poñen á nosa riqueza natural. Sobre todo cando, como é este caso, escoitamos certas declaracións de persoas que teñen responsabilidade no seu coidado e ocupan cargos de responsabilidade na súa xestión.


Hai que dicir que estas "probas" xa foron feitas en outros lugares e que non se volveron repetir porque a xente acabou vendo os problemas que causaban con invasión de fincas, destrozos de muros, cortes de arame das cercas, degradación das augas (porque sempre teñen que incluír o cruce de algún regato para que sexa mais "auténtica" a proba),alteración do solo, danos á fauna, estrés a o gando, contaminación do aire e acústica, etc.


Así que o "campionato" vai percorrendo diversas localidades buscando sempre un lugar, onde descoñezan o problema e onde os "autoricen", porque están a ser expulsados de todos.
Non acaban de entender que, se queren practicar un deporte; ou o que quer que sexa ademais de un negocio para os fabricantes de motos (vehículo que, por certo, mata a moitos xovens), que é fundamentalmente resultado do urbanismo e dos habitantes das cidades; no medio rural, o que deberían facer é procurar un lugar con o mínimo impacto medio ambiental, habilitado para tal actividade, restrinxido no espazo e no tempo, debidamente autorizado e delimitado e, nele, practicar canto queiran. O que non é de recibo é que, cada fin de semana ou  cada vez que queiran organizar un "evento", invadan unha aldea e os seus camiños e montes, aproveitando a ignorancia legal dos veciños, e que, cando a xente empeza a protestar, que se vaian a outro.

Lugares que están no seu estado natural e nos que esta actividade, espontánea e non programada, causa un grande problema a o medio ambiente, a o sosego dos veciños e  dos animais, tanto domésticos como silvestres. E eso sen contar con os "espontáneos" que, en grupos de dous, tres ou mais, saen "por libre" os fins de semana e fan carreiras por onde lles peta. Podense oír a kilómetros de distancia no silencio do rural.


danos no soloCase todas as Comunidades autónomas, con a excepción de Galicia, teñen unha lexislación específica para a circulación de vehículos a motor no monte.
En case todas esta circulación é prohibida, debido os danos que causa, excepto en lugares habilitados.
Entre as prohibicións destaca a de circular en épocas de seca que é cando mais se dana o solo.
Tamén se prohibe circular a mais de 30 kilómetros por hora, esíxese ter os silenciosos en perfecto estado, non circular campo a través, que circulen mais de 3 vehículos xuntos, etc.


Resumindo e obvio que este tipo de actividades degradan o solo, non hai mais que ver como queda, producen contaminación atmosférica e acústica, molestan a os animais que alí viven e que, non o esquezamos, é o seu medio natural con todos os dereitos, e non o das motos, quads ou todo terreos.


En Galicia, á falta de unha lexislación específica (existe a 9/2001 de Conservación da Natureza, só para espacios protexidos), debese aplicar a lei 43/2003 de Montes, de carácter nacional, que especifica claramente cales son os únicos vehículos autorizados a circular fora das estradas e, dende logo, non permite esas actividades .


Negar os prexuízos desas actividades para o medio e para a fauna, como podemos ver, é sinal de unha auténtica ignorancia sobre o medio e as medidas e cautelas que se deben ter para a súa conservación, o que, si en un cidadán normal é prexudicial,  no caso de persoas e entidades que deben velar pola súa conservación constitúe un autentico perigo medio ambiental.


Desa maneira podemos escoitar a os responsables, que deberían ter parado a desfeita, xustificala con os supostos beneficios económicos, como si os cartos que gañan uns poucos, puideran ser razón para un destrozo medio ambiental. Este argumento é indigno porque non se pode, nin debe, mesturar beneficio económico con dano a o medio ambiente e a razón é que, este dano, é impagable en diñeiro e solo un mercantilista o pode xustificar. O resultado desta mestura é o que estamos vendo en Galicia onde os cartos están xustificando a destrucción de montes, ríos, regatos, costa, etc. Como o lucro non ten límite, a destrucción tampouco o terá, e acabaremos destruíndo todo se continuamos con ese razoamento.


O grande problema do noso medio ambiente, como estamos comprobando, é que cargos de moita responsabilidade, como son os de conservación do medio e que deberían coidar dele, son ocupados con criterios políticos e non científicos, e ademais, con persoas que confunden desenrolo con cemento, chapapote e chapa galvanizada.

Persoas para as que a vexetación aínda é "maleza" e a fauna "alimañas", e o peor é que, en moitos casos, son aplaudidos por unha cidadanía que ten os mesmos criterios, cidadanía esta que debería ser educada e informada por esas "autoridades" para que cambiaran esa maneira de identificar o "progreso", pero que é mantida na ignorancia medio ambiental porque así deixan de ser obstáculos para a implantación de industrias e infraestructuras destructivas.

O espectáculo mais lamentable do desprezo que algúns responsables políticos senten polos cidadáns, vese claramente cando incitan a seu pobo a que defendan tais desfeitas con a promesa de “postos de traballo”. Para que este argumento sexa útil requírese que, previamente, ese pobo teña sido humillado e abandonado ata o punto de que acepten calquera desfeita para conseguir un traballo, que logo non é tan abundante como prometen e ,moito menos, tan digno como se esperaba.

AdjuntoTamaño
Vehículos a motor por pistas lexislación.doc43 KB