Skip to main content

MARAÑA DE VIADUCTOS E CEMENTO

Posted in

CASAS A SOMBRAImpresionantes a imaxes de casas en Ourense que van quedar, xa están, embaixo de curvas perigosas da autovía.Aviso para os de Maside e, tamén, para todos os que andan a facer manifestacións para que lles constrúan autoestradas polos seu pobos e comarcas.Que vexan a realidade cando aínda é tempo e que non sirvan de obxecto para defender os intereses de outros.

Impresionante tamén o mapa de autovías de Vigo e aínda impresiona mais ver e circular por a patética, triste e sucia realidade desa maraña de "vías de alta capacidade" vendo o que destruíron. O que era o cinturón verde de Vigo, o seu espacio natural, o lugar de lecer e quietude destruído e atravesado por kilometros de asfalto e chapa,a fauna extinguida, un lugar, agora, onde os coches dan voltas e mais voltas, percorren mais e mais kilómetros, gastan litros e litros de combustíbel, contaminan e provocan accidentes, dando voltas á cidade, porque, cando pretendan entrar nela, invariablemente van atopar un atasco. Tanto destrozo para se facer a ilusión de que os coches andan, aínda que non cheguen a lugar algún. No entanto non se ve unha liña de transporte por tren que quite eses coches das estradas e aforre eses cartos das autoestradas.

Agora temos o proxecto da autovía de Redondela a Porriño con unha saída a Peinador. Túneis e terraplens, destrozo dos montes de Vigo, maraña de viaductos, derrube de casas, ruído, obras, fin do sosego. Todo para que a marabunta de coches se mova, pase por encima de nosas casas e contamine os nosos campos e montes. A ver onde acaba a procesión e onde os meten, aínda que a finalidade parece ser unicamente que estean en movemento.Mentres, as casas e aldeas soterradas entre os viaductos e os animais sen lugar para vivir.

E todo porque o negocio do aparcadoiro do aeroporto é un negocio de ouro. Agora van a construir mais tres plantas subteráneas para seguir "facturando" e atascando o tráfego de coches no barrio. Un tren e/ou un autobús desde Vigo, con unha frecuencia razoable e adaptado para equipaxes para uso exclusivo dos pasaxeiros non o poñen, a pesar de que é fundamental en calquera aeroporto.

Millóns de euros desaproveitados, mentres o presidente laiase dos problemas que ten o tren de cercanías en noticia que publica a Voz .

O tren de cercanías non só atopa con o problema do abandono dos apeadeiros senón que ten que superar tamén o abandono das autoridades responsables do transporte dos cidadáns, a falta de vías, a falta de liñas, a falta de promoción, a competencia do automóbil privado e das axudas e promocións que se lle fan dende todos os lugares con intereses na industria do automóbil e derivados.

Xá o sabemos, pero non fai falta ser un Einstein para saber tamén que, con unha mísera parte dos fondos que se manexan, tanto no AVE como nas autopistas, pódense facer kilómetros de vías para trens de cercanías unindo todas as cidades de Galicia e súas áreas metropolitanas, con os polígonos industriais onde os traballadores teñen que acudir a diario para gañar o salario.

Tamén se poden unir as diversas cidades de certa envergadura de Galicia, entre elas, e entre os centros de transportes, aeroportos, portos, estacións de autobuses e centros de cidade. De seguro que o custe de construcción por kilómetro vai sen ben menor que os do AVE, os prezos dos billetes mais económicos e o aforro en vidas de traballadores moito maior que os mortos que as estradas ocasionan a diario.Mortos que, por certo, a pesares de todas as solucións "milagrosas", tipo carné por puntos, campañas de concienciación, etc. seguen a medrar, a lo menos en Galicia, o que nos reafirma na convicción de que a mellor maneira de non morrer na estrada é non ter que andar nela, e menos se temos que andar por falta de opcións REAIS, porque eso de dicir que andemos en transporte público queda moi ben, pero o caso é ¿ónde está ese transporte público? ¿ou queren que tardemos dous días en chegar ó noso destino con o irracional e escaso transporte público que hai?.

O dito, primeiro eramos uns borrachos, logo uns imprudentes, logo era por falta do cinturón de seguridade, despois ían arranxar o conto con os radares, despois con o carné por puntos,incluso pensaron en prohibir fumar nos nosos coches,agora son as motos e así hasta o infinito. Pero, a pesares de que saben ben cal é o remedio seguen sen aplicalo, porque basta con mirar algo fora das nosas fronteiras, a esa Europa que, para o que lles interesa, tanto lles enche a boca, e copiar o que fan por alá.Hasta en Francia, tendo menos autopistas, van deixar de facelas. Parece que aquí solo dimitirá alguén no caso de que baixen as ventas de coches ou de derivados do petróleo, recadación de peaxes ou algo polo estilo, porque, polos fracasos na reducción das mortes nas estradas non dimite ninguén. E xá levamos demasiados, este ano, solo en Galicia, a maioría xente nova.


Hai que sacar os coches das estradas e das cidades e poñer trens de cercanías, tranvías, trolebuses, autobuses e minibuses, ademais de carrís para bicicletas e rúas peatonais. Cidades e estradas pensadas para os cidadáns e non o revés, como agora, que, se hai que facer unha estrada ou autovía tírase con casas ou bosques ou o que sexa, como se todo o espacio e a xente fosen para servicio dos coches e tiveramos que nos axoellar para a súa comodidade.

Para o ano xa está programada a destrucción de Lugo e súa provincia con unha chea de autopistas e autovías. Non aprenderon dos erros das outras tres provincias.Encontro catastrófico de promesas entre os responsables de medio ambiente, que prometen reducir a emisión de gases e a adaptación a o protocolo de Kioto, e os de política territorial que prometen mais "infraestructuras". Ou unha cousa ou outra, as dúas é imposible.

Se os responsables do asunto non saben, que pregunten, ou mellor, que se vaian e deixen a quen saiba e non lle teña medo as multinacionais, sexan elas nacionais ou estranxeiras.Pero hai que parar de unha vez con este despilfarro dos nosos cartos e con esta febre desenfreada de autovías que converten a Galicia en un caos inhóspito de cemento, asfalto e suxeira.

 

http://www.farodevigo.es/secciones/noticia.jsp?pRef=3160_16_175360__Ourense-alcalde-exige-garantias-seguridad-acceso-centro-Vistahermosa (con foto acceso)

AdjuntoTamaño
Acceso maldito ourense.pdf617.7 KB