Skip to main content

A Canceira do Carballiño pasa ó Concello

- 25-10-2008 - Matar por matar, Non, quere amosar o seu total apoio ó acordo tomado póla corporación municipal do Carballiño que, por maioría, acordou que a xestión da canceira municipal pase a ser responsabilidade total do propio Concello.
Os motivos son varios así que trataremos de explicar os mais destacados.


En primeiro lugar, pensamos que a ninguén se lle pasará pola cabeza que os dous grupos que apoiaron a moción foran actuar de mala fe ante unha boa xestión da canceira. Cremos que ámbolos dous, ademais de representar a maioría dos veciños do Carballiño, teñen a suficiente responsabilidade para, antes de tomar unha decisión dese tipo, documentarse dabondo.


En segundo lugar, todos temos escoitado a representantes do Grupo Outeiro manifestar, reiteradamente en numerosas ocasións, a súa vontade de deixar a xestión da canceira, de maneira que esta decisión solo debería agradarlles.


En terceiro, pensamos que os medios que foron á rolda de prensa deste venres, na propia canceira, poderán ter observado que as condicións dos animais, así como os medios e a hixiene, nada teñen que ver co que acontecía hai seis meses atrás, cando denunciamos e documentamos as condicións miserables da instalación.


Nese senso, destacamos a postura do grupo de goberno en convidar, a quen o desexe, para que foran visitar a canceira, ou esa propia rolda de prensa no lugar.Esa postura, sábeno ben, sería impensable hai solo seis meses, e se neste momento poden amosar as instalacións é precisamente debido ó traballo de outros, o que xustifica de sobra a moción presentada, porque o problema da canceira era, e podería volver a ser, o abandono e a desidia pola falta de atención, sobre todo do principal responsable que sabía do problema, ou sexa o propio Concello.


De feito a dramática diferencia entre o estado da canceira hai algúns meses e agora, radica precisamente en que se lle dedicou o tempo e a atención que nunca se dedicara antes.


Tamén creemos que hai un problema serio coa utilización dos fondos dispoñibles, pero eso será asunto para tratar en outro momento, porque a penuria económica alí é total. Non se gasta un euro en melloras, comida, ferramenta..., nada. Mais de 100 euros ó mes é "moito gastar".


Hai menos de seis meses, non había auga corrente para que os animais beberan e facíano de bebedoiros con auga que, debido ó tempo que pasaba sen ser cambiada, fedía.


Para que houbera auga nos bebedoiros había que repartila con caldeiros, gaiola por gaiola e algunhas veces, se había un despiste, quedaban os cans sen beber.


Moito menos había auga para lavar as gaiolas, polo que a comida era tirada entre os excrementos, estes eran varridos sen auga e estendíanse po1o piso mesturados con mexo, pelo e restos de comida . Todos estes residuos, mal removidos, co tempo, producían o fedor que se detectaba desde lonxe e así o denunciaron, por escrito e perante o Concello, os veciños de Esgueva.


A auga dispoñible nun pequeno depósito, era levada polos bombeiros un par de veces por semana.
A instalación de auga nunca fora utilizada, estaba abandonada e deteriorada, o depósito cheo de ratas porque quedara sen a tapa, e os bebedoiros automáticos inservibles.


A comida había que repartila con carretillas porque o interior da canceira era unha auténtica selva e non podía entrar a furgoneta coa comida.


Os traballadores facían o horario que querían e o traballo que ben entendían porque ninguén os orientaba nin organizaba. Ninguén lles dicía nada porque estaban alí enviados polo Concello e,  por pouco que fixeran, evitaban que outros tiveran que traballar.


O que, en definitiva, pensamos que xustifica a decisión tomada no pleno, foi o feito de que, eses graves problemas, foron resoltos, en poucos meses, simplemente dedicando á instalación tempo, interese, bastante traballo e algúns cartos. Poucos, se comparado coas axudas que se están manexando á conta dos cans e que consideramos que non son aproveitadas debidamente.


Arranxouse e púxose a funcionar a instalación de auga, arranxáronse os bebedoiros automáticos que non funcionaban, urbanizouse o interior da instalación, instalouse auga e bebedoiros onde non había, colocáronse grifos en tódalas gaiolas para poder limpar facilmente, colocouse un xerador, provisional, para abastecer a instalación con auga do pozo que xa existía. Iso entre as actuacións mais destacables, pero que eliminaron o traballo mais penoso así como maior dispoñibilidade de tempo para mellorar as condicións de hixiene e benestar dos animais.


O que non nos explicamos, e por eso falamos de desidia, son as razóns polas que neste tempo todo, non se tratou de facer esas melloras, imprescindibles, que se fixeron por parte dos voluntarios, en poucos meses.


A urbanización do interior pediuse á Delegación de Medio Ambiente de Ourense quen se fixo cargo dos gastos e a instalación de grifos e bebedoiros pagounos a mancomunidade por valor de 3.000 Euros.


Conseguir que algúns entenderan que había que aproveitar o tempo que se aforraba, non tendo que repartir auga ou comida, para facer outros servicios, como lavar as gaiolas, foi outra loita que tamén deixaremos para contar noutro momento. 


Reiteramos o noso apoio á decisión adoptada no pleno coa que, pensamos, poderase evitar que a instalación volva ó estado de abandono en que se atopaba e botamos de menos a falta da mais mínima autocrítica por parte do grupo de goberno, así como un mínimo recoñecemento ó feito de que, se agora poden lanzar o desafío de visitar a canceira é precisamente debido ó interese, o traballo e incluso diñeiro de persoas alleas á instalación e que lle dedicaron un mínimo deses medios que o Concello debería coidar de que non faltaran.


Seica xa instalaron, hai un par de días, a luz con cargo ó propio Concello aínda que despois de moita insistencia e non sabemos si xa está operativa porque os cables están comidos polas ratas, pero aínda falta un cuarto de baño, almacén, sala de curas, lugar para almacenar, antes de ser enviados para incinerar, os cans que morren, etc. pero sobre todo, promover a adopción dos cans que están ali encerrados, e solo será con interese e dedicación que estas melloras se poderán facer.

E estes asuntos non se van resolver retirando o persoal do Concello si, quen traballa desinteresadamente, vai por alí facer obras, poñer cartos ou  coidar dos animais.


Como o persoal asalariado xa é facilitado polo Concello, a comida é facilitada de maneira gratuíta por Coren e Castro Bello, agora tampouco compre subir a auga con camións e as tarefas non teñen a penosidade de antes, parece que pouco cambio é que o propio Concello leve directamente a administración do lugar así como dos mais que suficientes recursos que, como dixemos, se están movendo á conta deses animais.

 

Artigos relacionados:

- Irregularidades da Canceira e Informe de ADEGA de 27/04/2008.

- Problemas e solucións da canceira, artigo de 08/07/2008 .