Skip to main content

RESUMO DE UNHA CAMPAÑA – Raposo 2008

Posted in

06-02-2008 - Tanto nas saídas ó monte como nas verificacións diarias por calquera que circule por estradas secundarias, demostra a case total desaparición de fauna silvestre dos montes.
A caza está a se manter por medio de argucias, que teñen como fin preservar o enorme volume de negocio que move, en desprezo total polo ecosistema e pola fauna.

Na tempada de caza normal botan no monte algúns coellos, perdices ou faisáns de granxa que, ou ben morren de fame en poucos días por falta de adaptación e coñecemento do novo medio, ou son rematados nos primeiros días de caza. Unha auténtica aberración do que antes se chamaba caza.

Os campionatos consisten basicamente en matar animais de granxa, en espacios reducidos e pre establecidos, para xustificar subvencións públicas para o deporte. Para romper con esta monotonía e saír ó monte para cazar algo silvestre, solo lles resta o raposo. Se de verdade houbera coellos ou outra especie, de seguro que o campionato non seria de raposos.

Todas as demais desculpas que dan, como que non está en perigo, causa danos ou é necesario cazalos, solo son eso, desculpas para a masacre. Nunca se fixeron tais campionatos e ninguén recorda que houbera una peste de raposos.

Os plan cinexéticos aprobados por Medio Ambiente, dos que eles sempre botan man, feitos por técnicos, están aumentados hasta cantidades imposibles. As razóns son varias, pero a principal é que, se de verdade amosaran a realidade, a administración veríase obrigada a suspender a caza. De ese modo, uns esaxerando e outros calando, manteñen o negocio a sabendas de que non hai animais.

Todos os plan cinexéticos, como amosamos nos artigos “Probas do Exterminio I e II”, están baseados na observación de animais no monte a certa hora do día. Conforme demostramos, conteñen cantidades totalmente irreais e imposibles (33 animais en 14 km.). Estes datos son facilmente comprobables por parte da administración, pero esta fai ollos cegos ó problema. A razón son os grandes intereses que move a caza e a presión das Federacións de Caza.

Bastaría con mandar un par de axentes forestais para que fagan o mesmo percorrido e conten os animais que ven, para verificar a fiabilidade deses “plans”.

Outra das evidencias que demostran falta de pezas de caza é o feito de que os cazadores están, continuamente, reclamando que sexan eles os responsables de controlar poboacións de lobos, patos ou calquera outra especie a que lles poidan dar un tiro. Medidas tan lóxicas como a que tomaron en Asturias onde solo os axentes de medio ambiente, en caso de necesidade, poden abater lobos, parécelles unha intromisión nos seus dereitos.

Tamén esixen que se lles permita cazar nos parques naturais, que non se esperen tres anos para poder cazar en terreos queimados, que non lles prohiban a munición de chumbo, etc. De feito van organizar unha manifestación, o primeiro de marzo, contra a lei de protección de espacios naturais porque lles prohibe o chumbo neses lugares. Mais irracionalidade non se pode pedir, tendo en conta que hai anos que se ven advertindo da perigosidade dese tipo de munición contaminante.
Nunca están satisfeitos con nada. O caso é matar por matar e non se decatan que, con ese suposto ecoloxismo que eles se atribúen, acabaron con todo o que había e, se por eles fora, rematarían con o pouco que poida quedar.

 

A única excepción é o incremento da "caza maior", xabrís e corzos que as sociedades de caza reintroduciron en Galicia e o abandono do rural favoreceu o seu incremento, e que, xunto con as "infraestructuras" sen pasos de fauna, están contribuindo tamén á merma dos animais autóctonos. Tamén son de utilidade para que os cazadores xutifiquen a caza para "protexer" a agricultura.

Canto á administración segue os pasos que da en outras moitas materias. Desprezo total pola opinión maioritaria da sociedade que pide unha racionalización da actividade cinexética e incluso súa suspensión. Sometemento ás presión de grupos minoritarios e defensa dos intereses económicos a pesar do desexo e peticións da sociedade, e das necesidades do medio ambiente e da fauna.

Canto a os intentos, fracasados, do ano pasado para convencer á opinión pública das bondades da caza, que realizaron os directivos da Federación, pouco resta que dicir despois dos análises xa feitos. Este ano negáronse a calquera debate e estiveron agochando incluso as matanzas e pondo en risco a terceiros.

Solo resta engadir que,tanto a administración como os cazadores, están agora tentando criminalizar ós que defendemos a fauna e o medio ambiente. Faltos de argumentos negan a realidade, a violencia dos cazadores, as ameazas e a prepotencia con que se comportaron e con a que apareceron en tódolos medios e acúsannos a nós da violencia da que eles son autores.

Neste senso, eses dias poidemos comprobar que, a pesar de que moitos cazadores beberon antes de sair ó monte, non se fixeron controles de alcoholemia, estiveron cazando en zonas de seguridade sen que foran advertidos polas forzas da orden, non utilizaron a sinalización con a que saíron da concentración, etc.. Podemos imaxinar o que acontece cando ninguén os controla.