Skip to main content

Parque do lixo - En Carballiño NON

Posted in

23/08/2008 - "Arrieiros somos..." o tempo non demora en poñer as cousa e a cada quen no seu lugar. Pinche e vexa.  O final, e como dicíamos, o "enlace" non mira os intereses dos veciños precisamente...

24/07/08 - O alcalde nega agora todo o que escoitamos tódolos veciños. Se non vai haber parque contentámonos moito, o que non sabemos son as razóns de que intente descalificar ás persoas, se solo se trata de desmentir unha nova...

Pola nosa banda solo nos resta agradecer a ADEGA, Cope Carballiño, La Voz de Ourense, La Región, e tódolos medios que nos apoiaron, difundiron e axudaron a denunciar e impedir, alo menos por agora, unha desfeita mais na nosa TERRA.

Artigo Orixinal

Conforme se prometeu no seu día o parque “medio ambiental” (En roman palatino parque da merda) parece ser que o van repartir por outros Concellos. En concreto, agora estamos descubrindo que unha parte podería ir para os concellos do PSOE próximos ó Carballiño.

Lea aqui a nota de prensa de ADEGA


Debido a oposición dos veciños de Ribadavia, están desistindo de colocar todo o lixo en Carballeda de Avia, e poderían están sendo recrutados os alcaldes deste partido que rexentan concellos pequenos, para que se fagan cargo do lixo que non queren no Ribeiro.


Atóparianse no “punto de mira” os Concellos de Maside e Punxín, que saibamos por agora, onde a poboación é pequena, está moi envellecida, hai pouca oposición e non lles importa perder estes Concellos nas próximas eleccións municipais, con tal de “colocar” o lixo de Galicia lonxe das cidades grandes onde a oposición é invencible.


No Concello de Punxín, e supoñemos que tamén no de Maside, están elaborando o Plan Xeral de Urbanismo, e están aproveitando para facer un “sondeo” para comprar fincas nos lugares de Vilamoure, Lamas e San Esteban, a dous euros o metro, onde projectan situar un polígono industrial.

Xa se realizaron reunións con algúns veciños, nas que, según  nos informaron,  incluso foron advertidos de que podería haber expropiacións a quen non vendera agora.


Pola información que nos deron nos teléfonos que aparecen en diversos lugares de Vilamoure, San Esteban e Lamas, pretenden construír uns accesos en Listanco, logo na divisa de Punxín con Maside e instalar un parque industrial, con planta de tratamento de RSU (Residuos Sólidos Urbanos) en ámbolos concellos, no que sería practicamente un solo parque xigante, aproveitando a saída que se vai facer para a autopista de Ourense Santiago e que comeza no Barazal rematando na Fontela.


O parque de Maside vai nas “Barandillas” á entrada de Maside, á dereita, vindo de Ourense, e, como se dixo, o de Punxín vai en Listanco e sobe cara a Vilamoure, con o que están totalmente unidos a pesar da división de municipios.


Escusado contar agora o que tal desfeita vai ocasionar. En lugar de que recibamos, pola nova autovía, novos veciños que veñan desfrutar do rural e da natureza de Maside e Punxín, vana aproveitar para nos traer a merda do resto de Galicia.


En Santiago e noutros lugares, onde se fixo a concentración parcelaria, remataron con tódalas carballeiras que había, porque quen tiña que entregar fincas con árbores, antes cortábaas.

Non ocorre así nestes concellos onde aínda se conservan fermosas fragas e carballeiras de considerable antigüidade. Así que sería un lugar pretendido por moita xente desas cidades grandes que procurarían aquí unha paisaxe aínda ben conservada e con abundante frondosidade. Sería a oportunidade de valorizar e volver repoboar estes concellos que estiveron esquecidos, pero que teñen, gracias a ese esquecemento, un patrimonio natural de elevado valor que ofrecer. Pero non, en lugar de valorizar o que temos, parece ser que queren rematar de vez con estes pequenos e fermosos concellos, traendo para eles o que non queren en lugar ningún. O lixo e a contaminación do resto da Comunidade.

Dicen que pretenden vender o "verde" e a "natureza" da nosa comarca, pero o visitante, cando chega, o primeiro que se atopa son "parques industriais", sexa o da Uceira pola saída de Cea ou agora os que pretenden facer nesta nova saída da autovía. A peor porta de entrada para quen ande procurando un lugar bucólico e tranquilo onde vivir...


Xa se falou dabondo ,con motivo do que se pretendía facer en Carballeda de Avia, dos outros prexuízos que esta actividade vai ocasionar, no caso de que permitamos que se leven a cabo os proxectos enlouquecidos dos políticos.


Non solo Maside e Punxín terían envelenado o seu entorno, o seu aire e os seus ríos. Tamén O Carballiño, Barbantes, Santa Cruz, Dacón e demais lugares por onde van pasar diariamente os moitos camións de lixo e a onde van acabar chegando os residuos que se vertan nestes parques. O Río Barbantiño e tódolos lugares por debaixo de Maside e Listanco por onde pasa ese río.


Canto a Carballiño, Señorín, etc, non cabe dúbida algunha que verán alterado o seu entorno, o seu aire e o seu sosego con o tráfico e cheiros desta actividade.


As propiedades mais próximas ó parque, como casas, fincas etc, terán o seu valor dramaticamente reducido porque ninguén vai querer comprar propiedades preto dunha lixeira. Que lles pregunten os veciños de Cerceda co parque de lixo de Nostián, os de Meirama coa central que os enche de po de carbón, etc. que se queren marchar, pero non poden porque non teñen a quen lles vender as súas propiedades.


Sabemos que se vai intentar enganar e despistar ós veciños, como se fixo ata o de agora, que o tivemos que descubrir de casualidade, pero é moi fácil saber que o que están argallando non é nada bo. Se fora bo xa se ocuparían de levalo para parques que están construídos e están baleiros. A Maside e Punxín non lle compren nin polígonos industriais nin “postos de traballo” indignos, mal pagados e velenosos.

Repercusión nos medios: La Voz de Galicia , La Región  

Vexa artigo relacionado co asunto: http://www.matarpormatarnon.org/node/286