Skip to main content

Matar por matar

Posted in

Xa se comeza a ver polos nosos pobos, camiños e fincas, perdices e outros animais mansos a procura de comida (a que aparece na foto fuxiunos de entre os pés e esperou no tellado a que foramos coller a cámara de fotos). Animais que foron ceibados polos tecores e que, en pouco mais de un mes , os que sobrevivan, serán “cazados” polos “deportistas” da escopeta.


Estamos acostumados a que aconteza tódolos anos, pero non podemos deixar na impunidade esta práctica inhumana, cruel e absurda con que os cazadores, no seu afán de matar o que sexa, tratan de superar a falta total de fauna silvestre nos montes, de cara a tempada de caza.


Evidentemente trátase de unha irregularidade mais, consentida polas autoridades de Medio Ambiente, que están mais preocupadas co negocio que move a caza que polos intereses da fauna e da ausencia total de vida silvestre nos nosos montes. A lo menos no que a especies de caza menor se refire.


Este tipo de actividade xa temos dito que debería estar totalmente prohibida e os animais ceibados deberían ter un período de aclimatación e non ser perseguidos hasta pasados un par de anos, cando xa consigan se reproducir e sobrevivir no novo medio en que se soltan. Para matar animais de granxa xa teñen o tiro o pombiño, e esta é unha pequena variante desa práctica brutal. En cambio, Medio Ambiente segue considerando estas soltas como “repoboación”. Inaudito.


As perdices, faisáns e coellos que agora se compran en criadeiros e son deixados en montes que descoñecen, logo tratan de se aproximar ás vilas e ás persoas para tratar de conseguir comida. Ë a costume que adquiriron nas granxas onde se criaron e non saben sobrevivir no monte.


O primeiro problema que teñen é precisamente a costume de conseguir comida dos humanos. Razón pola que non foxen cando ven persoas, e case se poden apañar coa man. (As dúas que van diante do coche tivemos que espantálas).


Tampouco tiveron uns pais que lles amosaran o que poden comer e o que non, de maneira que moitos van comer herbas velenosas que rematarán coa súa vida.


Acostumados á comida fácil, resúltalles imposible atopar comida no monte que está case abandonado de todo e non hai cultivos de trigo, centeo ou calquera outro alimento de fácil obtención.


A súa falta de receos, fainos presa fácil para cans, gatos, aguias ou calquera outro depredador, así que non tratan de fuxir hasta que é demasiado tarde, con o que a súa existencia é moi corta.
Tampouco teñen refuxios onde se esconder e os que teñen o instinto de construílos, precisan tempo para levalos a cabo. Os perigos e a proximidade da tempada en que son cazados nunca lles vai dar tempo de construír eses abrigos.


Finalmente, se algún deles consegue sobrevivir este pouco mais de un mes que falta para comezar a tempada de caza, serán abatidos nos primeiros día de caza por calquera dos milleiros de “deportistas” que saen ó monte, sedentos de sangue e completamente “equipados” para o exterminio de calquera animal indefenso e moito mais destes que están totalmente desprotexidos.


Así que, cando vexamos estes “ecoloxistas” de licor café - que se levantan ás cinco da mañá como se foran a unha grande aventura, toman o seu par de copas, calzan a súas “chirucas” de mais de cen euros o par, visten as súas roupas de “camuflaxe” como si se tratara de ir a guerra, collen as súas escopetas ben engraxadas e o coitelo “especial” de monte, colgan o GPS e a radio no pescozo, enganchan o remolque, con media ducia de cans, no “todo terreo” con tracción ás catro rodas que lles ofrecen, con desconto, a través da Federación Galega de Caza, e mil "accesorios" mais que lles facilitan o "traballo" de matar cada día mais e que logo, cando paseamos tranquilamente polas numerosas pistas asfaltadas que atravesan todo o monte, os atopamos ridiculamente agochados preto da estrada, en grupos de sete ou oito, á espreita de matar un animal indefenso e desprovisto de calquera "accesorio" que intenta fuxir do acoso de unha ducia de cans - debemos recordar que estes animais de granxa son as súas presas.

Estes son os “trofeos” que levan colgados no cinto cando desfilan fachendosos polo lugar, de volta da súa “fazaña”.