Skip to main content

Carballiño. O precio dun "enlace".

Posted in

Hoxe é nas obras do enlace de Carballiño coa autopista a Santiago, pero antes foi no propio Carballiño que viu como o Arenteiro morría por causa dos lodos que vertían as obras da autopista e do AVE. Hai uns días vimos como desaparecían as pozas doutro río por causa tamén dos lodos arrastrados polas augas.


Cando chove as máquinas paran porque se enterran, pero a auga segue o seu traballo e a erosión arrastra toneladas de finos lodos, que enturban as augas e se decantan no fondo dos ríos, rematando con toda clase de vida.

 


Estes son os “espelliños” e bagatelas que, como se foramos indios, nos seguen dando para que calemos mentres destrúen a nosa terra, entregan os nosos cartos ás grandes empresas e cambian biodiversidade e natureza por chapapote.
Cortaron milleiros de árbores, destruíron vellas carballeiras, enterraron animais, arrasaron con madrigueiras, fixeron desaparecer hábitats, cortaron corredoiras, e agora temén contaminan os ríos. Toda esa desfeita solo para que pasen coches.

 

 


Neste lugar é onde o regato que baixa de Negrelle se xunta co de Listanco, fronte ó Barazal e que despois irán desembocar no Barbantiño e no Río Miño. (vexa aquí o mapa).


Cando os regatos de toda Galicia corren cristalinos e pletóricos de auga e vida coas choivas desta época, nos tramos por debaixo das obras do “enlace” os ríos morren por causa da turbidez da augas e da falta de osíxeno dos cauces. A terra amosa a súa ferida sangrante por onde escapa a vida en forma de aluvión, que tamén matará a que poida ter restado, augas abaixo, despois de tanta autovía e tanto AVE como se leva feito.


Este é o prezo real que hai sumar ós moitos millóns de euros (mais de 6 por quilómetro) que se dilapidan nesta obra inútil e megalómana, que vai unir una autopista coa nada.


Podían mellorar a estrada actual e facer un par de desvíos en Maside e Dacón, pero non, tiñan que ser catro carriles, “ancho de autovía”, poderío, que se saiba quen manda.


Iso para chegar a unha vila que ten 15.000 habitantes, de ruas estreitas e ateigadas de coches, na que xa non caben mais vehículos. Haberá que ver onde pensan meter todo ese tráfico cando chegue á Fontela e pretendan entrar no Carballiño, sabendo que en días de fiera xa hai atascos desde a Fontela hasta o mesmo centro da vila. E como intentar baleirar un río nunha garrafa, non cabe.


Cando Carballiño xa ten un bo enlace coa autovía, cando nos din que teñen “déficit” e que hai que controlar gastos, cando paran a lei de dependencia por falta de recursos, cando seguen as listas de espera na sanidade, a falta da residencias para vellos, a ausencia total de transporte de proximidades e mil outras necesidades mais urxentes, seguen a malgastar os nosos recursos en chapapote e en transporte insostíbel porque así llo mandan os seus amos. Pra se facer unha idea, co gallo dos accidentes aéreos dos que tanto se fala agora, a Axencia Española de Seguridade Aérea está pendente dun orzamento de 36 millóns de euros, ou sexa, pouco mais do que vale 1 quilómetro de AVE.

 

 


Parece ser que o pobre do muíño vai ter un bo muro diante del, para que ninguén o vexa desde a estrada vella. Eso non interesa, non xera “riqueza”, vano deixar sen tirar para lucir “sensibilidade” e “progresismo”, pero vai desaparecer dunha maneira mais cruel e humillante que se o desfixeran.
Ese é o sentimento que teñen da nosa terra e da deles e tamén amosa a orden de prioridades do noso sistema.


Esta desfeita, nun país culto, íalles custar moitas protestas e posiblemente o cargo a moitos políticos, comisionados de grandes empresas, aquí seguramente haberá aínda quen lles vote e sexa incapaz de ver o desastre que se fai para nada.
Así nos vai.