Skip to main content

Desmentindo os "benefícios" da caza

Posted in

Matar por matar,NON, quere amosar a súa desconformidade coas continuas declaracións de destacados dirixentes do colectivo da caza que, en defensa dos seus intereses, non dubidan en facer reivindicacións e afirmacións que, ó noso xuízo, solo teñen como finalidade aumentar as prerrogativas do colectivo de cazadores, en prexuízo manifesto do medio ambiente, da fauna e dos intereses dos agricultores, gandeiros e propietarios de terras.


No artigo aparecido nun xornal de ampla difusión na nosa provincia, e repetindo case literalmente o manifestado hai un ano, non dubidan en asegurar que os cazadores son esenciais no equilibrio das especies e na protección dos colectivos rurais, e o que é máis grave aínda, a continua e altamente nociva reivindicación que fan para que se poida cazar un ano despois dun incendio forestal.


É de todos sabido que a práctica desaparición da fauna autóctona en Galicia foi debida a moitos factores como o parcelamento do territorio e a invasión dos hábitats, pero en maior medida á práctica abusiva da caza.
Non se pode pretender que a caza sexa elemento de equilibrio cando eles mesmos afirman que saen ó monte nada menos que 60.000 cazadores tódolos anos. Tal número de practicantes deste mal chamado deporte é evidente que en nada beneficia ó escaso número de animais que aínda restan e proba deso é o feito de que tódolos anos teñan que soltar animais mansos, procedentes de granxas, para poder matar algo no inicio da tempada de caza,. Tal feito é debido, única e exclusivamente, a falta de animais silvestres, non so polo exceso de exterminadores humanos, pero tamén polo exceso de medios, accesos, técnicas, recursos e días de caza de que dispoñen os cazadores e a os que os animais se teñen que enfrontar. Baste con mirar calquera catálogo de artigos de caza para saber do que se está falando.


Canto os beneficios que eles aseguran facer ós residentes do rural, sexa agricultores, gandeiros ou propietarios, lembrar, en primeiro lugar, que Galicia é unha das poucas Comunidades, por non dicir a única, na que a maioría dos tecores non pagan cantidade algunha ós propietarios das terras onde cazan. Así se explica que continuamente lles traten de vender o favor de cazar nelas. Que lles paguen os donos por cazar nas súas terras e posiblemente ós propietarios lles compensen os danos que os animais poidan producir. O caso é que ó día de hoxe, os agricultores alimentan ós animais e os cazadores divírtense matándoos e coméndoos.


No esquezamos tampouco que a maioría dos animais que se están cazando hoxe no monte galego, non son os propios da nosa terra. Trátase sobre todo de xabarís e corzos que os propios cazadores introduciron o noso monte, ante a desaparición dos animais autóctonos. O xabarí introducido xa hai anos e agora demonizado polos propios cazadores para se congratular cos agricultores que sofren as súas incursións e poder cazalos de balde. Provocar o incendio e despois presentarse como bombeiros parécenos pouco edificante.


O corzo aínda non ten tanta mala prensa debido a que aínda foi introducido recentemente, pero logo chegarán os tempos en que empecen a comer as uvas, verzas, e productos da horta coas mesmas consecuencias que tivo a implantación do xabarí.


Finalmente dicir que a afirmación de que é viable poder cazar un ano despois dun incendio solo demostra un desprezo total polo monte e as necesidades que este ten para se poder rexenerar. Necesidades incompatibles con que, entre outras cousas, se deambule por ele un ano despois dun incendio o que prexudica a súa rexeneración e multiplica os efectos da erosión.


E eso solo no que di respecto á flora, porque os efectos sobre a fauna poderían ser cualificados como catastróficos.


É sabido que cando hai un incendio, a totalidade dos animais terrestres, así como moitas das aves, resultan exterminados, tanto polo lume como polo fume que invade madrigueiras rematando con toda clase de vida. A colonización das áreas queimadas e a reproducción normal deses animais demora bastante mais que os tres anos que, hoxe en día, é prohibido cazar nas zona queimadas.
Lamentable este tipo de reivindicacións que solo teñen como finalidade o oportunismo de cargos directivos e amosan o desprezo de algúns polo medio ambiente e a fauna.
Aínda teñen a ousadía de se cualificaren de ecoloxistas.

Ourense 13 de outono de 2008

Noticias que se citan no texto:

http://www.farodevigo.es/secciones/noticia.jsp?pRef=3151_8_172890__Sociedad-y-Cultura-60000-escopetas-salen-caza


http://www.laregion.es/noticia/36329/60000/cazadores/

http://www.laregion.es/noticia/36257/60000/cazadores/