Skip to main content

Accidentes de caza por armas perigosas

Posted in

A falta de normativa sobre armas perigosas aumenta o número e a gravidade  dos accidentes de caza

Nos últimos tempos, a utilización de armas de canón raiado para a caza maior, ten aumentado o número así como a gravidade dos accidentes de caza, debido á clase de munición que utilizan (balas), como ó seu elevado alcance (mais de 3 quilómetros).

Noticia relacionada: (Faltan axentes para vixiar.Pinche...)


Ademais, no accidente deste domingo, en Carballedo, a víctima puido resultar morta de ser alcanzada no peito en lugar de na perna, mentres que, se o disparo fora feito cunha escopeta de perdigóns, a gravidade das feridas sería ben menor ou inexistente.


O incremento de actividades de caza maior así como a autorización para utilizar armas que disparan balas ou postas nestas batidas, aumenta a área de risco para terceiros en mais de  600 veces. Ou sexa, mentres unha escopeta pode por en perigo a quen estea dentro de 3 hectáreas en súa volta, un rifle de caza maior arriscará a quen estea dentro das 1.884 hectáreas que pode cubrir dentro do seu raio de acción.


A Consellería de Medio Ambiente, dentro das medidas que lles propuxemos para a reforma da lei de caza, ten información dabondo sobre o asunto pero, a pesar dos múltiples accidentes, incluso con mortos, que teñen acontecido debido a utilización deste tipo de armas, segue autorizando rutineiramente o seu uso, sen modificar as distancias de seguridade para terceiros.


As normas de seguridade que contempla a lei de caza, así como o seu regulamento, non inclúen a utilización deste tipo de armas, de feito prohibe o seu uso sen unha autorización especial (art. 32 do regulamento). Estas normas establecen a prohibición de cazar a menos 100 metros de lugares habitados e 50 metros de camiños.


Tais distancias foron pensadas para a utilización de escopetas que non alcanzan mais de 100 metros e disparan perdigóns de baixo poder de penetración e enerxía cinética - a utilización de postas está prohibida pero tamén se usan nas batidas- pero son totalmente insuficientes para un rifle que alcanza mais de 3 quilómetros.

As medidas adoptadas polo de agora son insuficientes, como a sinalización das áreas onde hai batidas, que por certo non se está a cumprir. Moitos dos feridos e mortos por disparos destas armas, acostuman estar ben lonxe da área da batida, pero son alcanzados por balas que no seu traxecto, cando erran o branco,  poden atravesar varios lugares habitados e desde logo moitas estradas e camiños fora da área da batida.


Pensamos que a Consellería de Medio Ambiente debería, con urxencia, prohibir a utilización destas armas e municións en Galicia debido a dispersión da poboación, ou establecer claramente os lugares onde, pola súa distancia a lugares habitados e vías de circulación, resulten inocuas para terceiros.

Matar por matar,NON.  
14 de outono de 2008