Skip to main content

7 ºC baixo cero.

25-12-2008 - O goberno central achegoulle ó Concello do Carballiño unha cantidade de cartos por volta dos dous millóns de euros, aproximadamente 320 millóns de pesetas. Cartos inesperados e regalados, para gastar en crear emprego, axudar na crise, etc. un fondo especial creado polo goberno co fin de que, os centos de miles de millóns, dos nosos cartos, que se lle están regalando ós bancos que crearon o problema, non sexan un agravio tan comparativo.
A corporación do Carballiño, a proposta do grupo de goberno, seica os vai gastar en reformar a piscina (800.000 euros) e arranxar o tellado do pavillón (200.000 euros) entre as “inversións” mais destacables. (Vexa noticia da Región).


Na canceira precísanse arranxos urxentes e imprescindibles para evitar o sufrimento dos animais, arranxos que nunca se poden facer porque “non hai cartos”. Arranxos que tampouco se farán este ano, porque non se reservou unha pequena cantidade, desa millonada toda, para levalos a cabo.


As nosas “autoridades”  consideran que inverter 10 ou 15 millóns, das antigas pesetas, en facer unhas gaiolas decentes para que os cans non pasen frío, estas noites de 6 e 7º baixo cero, non lles vai dar votos. Ou facer uns cuartos de baño para os traballadores, ou un almacén, ou unha sala de curas, ou unha depuradora, ou resolver o asunto dos cans enterrados, ou algunha das moitas cousas que serían precisas para que os animais leven unha vida menos miserable.

Aínda existe xente que é capaz de durmir pola noite sabendo que hai animais, que dependen deles, e que están morrendo de frío e levando unha vida miserable, cando teñen nas suas mans os medios e os recuros para remediar esa situación.  


Parece evidente que, aínda que entramos en Europa, parece ser que Europa non entrou aínda en nós, ou nos nosos gobernantes. Pero hai mais.


A primeira cousa que se nos ven á cabeza sería que os veciños do Carballiño somos uns brutos, insensibles ao sufrimento dos animais e os actos dos gobernantes, solo representan ó pobo que gobernan.


A segunda hipóteses é que, igual que acontece moitas veces, os nosos gobernantes en absoluto representan o verdadeiro sentir dos cidadáns.


Se a primeira hipóteses é a verdadeira, non temos nada que facer. Esperar a que vaiamos tendo outra cultura e aprendamos que un pobo que maltrata ós animais é un pobo inculto, atrasado e falto dos principios que deben destacar nunha sociedade verdadeiramente avanzada.


Se é a segunda hipóteses a verdadeira, habería que ir pensando en “educar” ós persoeiros que din representar lexitimamente ós cidadáns. Retirarlles o voto sería unha boa idea. De feito, moitos veciños teñen animais de compañía e nunca serían capaces de os tratar como están sendo tratados os cans da Medela. Nin o farían, nin aproban que se faga, moito menos habendo recursos para tratalos mellor. De feito, esta foi a noticia do Nadal deste ano.


Tamén sabemos que, nestes casos de mala administración, moita culpa tena a ignorancia.
A maior parte dos escollidos para ocupar cargos políticos son, na súa vida privada anterior, como é no caso do Carballiño, traballadores normais que, igual que a maioría de nós, non destacaron nas empresas que os empregaban como grandes administradores ou cargos de alta responsabilidade.


Parece evidente que o feito de que algún deses traballadores, sexa éste o administrativo dun aparcadoiro, unha enfermeira ou outro traballador calquera, saia elixido para un cargo público, non o habilita inmediatamente como un grande administrador, un destacado empresario, un eficaz patrón, ou un bo xestor de recursos. Se nunca o foi na empresa privada, tampouco o vai ser por moi alto cargo que ocupe, esas cualidades non se adquiren falando nin "a dedo", no entanto e incomprensiblemente, autorízaselle para administrar enormes cantidades de diñeiro público .


Como consecuencia do anterior, podemos observar a diario, como os cartos dos nosos impostos son malgastados ou mal invertidos, con consecuencias normalmente nulas, porque todos son culpables e tápanse as vergoñas entre eles e a xustiza semella que non os afecta ou non se atreve.


Neste caso parece que a falta de ideas, unida á insensibilidade, así como a nugalla de se por a facer proxectos novos e de utilidade, leva á comodidade de aproveitar ideas e proxectos antigos xa feitos, como reformar unha piscina que solo se usa un par de meses ó ano. Nin tan sequera se lles ocorre cubrila e climatizala para aproveitala o ano enteiro. Son cartos regalados, que van ir parar  ás mans de algún avispado contratista que levará a cabo esas obras e que pouca utilidade representan para a “creación de emprego” ou “desenrolo” dos concellos beneficiados. Total, eles non os van pagar e a súa responsabilidade solo se limita a ter que buscar onde empregalos, o mais rápido posible e levando o menor traballo que poidan.


Noutros casos o que acaba acontecendo é que, eses mesmos contratistas, dan as ideas ós políticos mediocres, que teñen nese cargo a oportunidade de “preparar” o seu futuro en algunha desas empresas e ó mesmo tempo “mellorar” os seus saldos bancarios. Tamén se da o caso, como xa aconteceu na nosa terra, de que se deixen “aconsellar” por grandes conversadores e embaucadores, que se acaban beneficiando dos cartos públicos e por encima teñen unha imaxe mais que positiva entre eses políticos de escasos recursos intelectuais. Acontece nas grandes finanzas, como acabamos de ver, e con mais razón nestes pequenos pobos do interior, gobernados por políticos provincianos.


O caso é que se acaban gastando verdadeiras millonadas en “inventos”, como o AVE e outras obras grandiosas, mentres os veciños teñen problemas coas citas dos médicos, o abastecemento de auga, a xustiza ou coas casas nas que lles chove dentro e nas que morren abandonados os vellos.
Así anda o noso País, algúns privilexiados vivindo na irrealidade de cúpulas de 20 millóns de euros e “codeándose” coas grandes “potencias” e a maioría do pobo pasando como pode.

Eso si, do uso e abuso da autoridade, ningún se priva. Por exemplo, vetar traballadores competentes por ter dignidade e non "agachar" a orella, mentres se mete a incompetentes ou pelotas para acadar votos.


Xa o dicía Cervantes: “Dale autoridad y conocerás al villano” que a sabedoría popular xa traduciu ó famoso: “Si quieres saber quién es Juanillo, dale un carguillo”.