Skip to main content

Autovías mal feitas

Posted in

24-02-2009 - Hai derrubes nas autovías porque, ao absurdo incremento destas infraestructuras mortais, de enorme impacto medio ambiental e contaminantes, sumase o feito de que se constrúen enormes trincheiras onde debería haber túneles e, con esa terra, énchense vales onde se deberían facer viaductos.


Todo consentido polos gobernos de turno, para que as grandes constructoras gañen mais cartos, gastando canto menos mellor en man de obra.
O asunto xa foi tratado dabondo en outro artigo noso. Pero, as últimas noticias sobre as consecuencias que están a ter estas actuacións perniciosas para os intereses de Galicia, lévanos a tratar, de novo, o mesmo tema.


Estamos asistindo a unha carreira desaforada por facer , cada quen mais autovías e se nos vende a “desfeita” como unha grande facenda. Os partidos esconden os intereses que defenden en prol das grandes constructoras, dicindo que cada quen vai facer mais autovías para que ningún galego estea a menos de dez minutos de unha delas. Como se iso fora bo para nós.


A consecuencia desta política de autovías por tódolos lados é a falta de recursos para transporte público por ferrocarril, hospitais, colexios, centros de saúde, garderías, centros da terceira idade, etc. así como o enorme impacto medio ambiental e paisaxístico que se está ocasionando en Galicia, xa que estas autovías representan, pola mala execución, grandes movemento de terras e o pechamento de pasos tradicionais das persoas e da fauna.


A razón é que nun lugar de variada orografía como é Galicia, parece obvio que debería haber un grande número de túneles e viaductos. Nembargantes estamos a ver que case non se fai ningunha destras obras e óptase por quitar a terra das montañas que hai que atravesar, en lugar de facer un túnel, e levar esa terra para encher o vale que hai a seguir.

A razón desta forma constructiva é que se pode facer unha autovía sen case empregar man de obra algunha, e basta con un par de escavadoras e uns cantos camións, normalmente de fora do País, para rematar unha autovía.

(As imaxes ó lado son do mesmo lugar, "con" e "sen" tunel...)


A consecuencia é o pechamento do territorio por esas autovías e a existencia de enormes e perigosísimas trincheiras, que en algúns casos caen, como aconteceu en Barbantes ou na autovía do Morrazo. Ademais ao  non deixar entrar o sol no inverno, fórmanse xeadas durante o día todo, con consecuencias mortais, como xa aconteceu na autovía do Barbanza logo da súa inauguración.


Ademais, o corte das vetas de auga deixa sen este elemento mananciais e fontes tradicionais ademais de provocar o derrubamento das enormes ladeiras artificiais que quedan e que non teñen posibilidades de estabilidade debido a súa enorme altura e verticalidade.


Para rematar a desfeita, a “corrección do impacto visual” está a se permitir que se faga con un tipo de herba, descoñecida en Galicia, que medra pronto, seca rápido e non permite que brote calquera outro tipo de vexetación.


A natureza é sabia e pon as cousas no seu lugar. As “investigacións” dos organismos responsables, todos eles cómplices da desfeita, solo serven para ir tirando e tapar os intereses que esas obras mal feitas esconden.