Skip to main content

Destrucción ecolóxica, patrimonial e etnográfica.

Posted in

22-04-2009 - Comeza na central de Cabanelas e vai hasta o propio lugar de Cabanelas. Unha inxustificable actuación na marxe esquerda do Arenteiro que destrúe vexetación de ribeira, que arrasa con un bosque autóctono perfectamente conservado e, o que aínda é peor ,a irrespectuosa, brutal invasión e destrucción do patrimonio galego.


Unha actuación ecoloxicamente impresentable que, como outras, solo vai contribuír a que vaian desaparecendo os poucos recunchos preservados que restan na nosa terra.
Outro lugar senlleiro do Ribeiro e de Galicia, arrasado en favor do coche e do chapapote. O progreso “paleto” dos nosos gobernantes.


Dificilmente se pode tampouco xustificar economicamente o desaguisado, xa que pouca ou ningunha utilidade ten a inversión realizada que,  si temos en conta o prexuízo patrimonial, a “mellora” resulta obviamente ruinosa.


Había un camiño de pescadores entre vexetación ribeiriña, con ramais tradicionais que levaban a outros puntos da zona, entre muros centenarios de “socalcos” perforados por sendas que os atravesan e que servían para transportar, a ombros dos labregos, os “culeiros” de uvas hasta o lugar onde eran evacuados ás bodegas.


Logo que comezamos o camiño, xa podemos ver que o movemento de terras vai hasta o propio río, destruíndo, non só  as árbores que o marxean, como tamén inmensos penedos que adornaban o camiño e que agora son tirados, terra e penedos, ao propio río.


Cando comezamos a ver os impresionantes muros dos socalcos, perfectamente executados e nun excelente estado de conservación, logo nos entra o temor evidente de que os teñen danado.
Temores que logo se confirman cando vemos muros de socalcos, non solo danados, derrubados, e pedras, que aínda conservan o musgo que as cobre, amoreadas de calquera maneira ós lados da nova “pista”.


Dificilmente se pode comprender que alguén nativo de Galicia, ocupando un posto no goberno da Comunidade, teña tan pouca estima á nosa terra e ao noso patrimonio, que por demagoxia, por beneficiar a algún constructor amigo ou por ignorancia do que é verdadeiro progreso, se atreva a cometer a desfeita que alí se pode ver.


Unha falta de respecto total aos nosos esforzados antepasados que, carecendo das máquinas destructoras de hoxe en día, eran capaces de construír tan belos e perfectos muros, camiños, canais de auga e outras dotacións para o cultivo da terra que, en calquera outro País, menos ignorante cao noso, serían intocables e un orgullo nacional a ser exhibido e conservado.