Skip to main content

Atopamos coa igrexa

Posted in

19-05-2009 - Na parroquia de San Estevo, en Punxín, foi cortada unha carballeira enteira que pertence ás propiedades do bispado.


Non se tratou de cortar unha ou dúas carballas para necesidades do propietario, non, cortaron unha carballeira enteira para vender a leña e recadar cartos. Ignoramos se foi solicitado algún tipo de permiso para tal desfeita e tamén ignoramos se tal permiso foi outorgado.


O que sí parece unha contradicción é que, para cortar unha sola carballa, calquera veciño precisa solicitar o correspondente permiso e neste caso, con autorización ou sen ela, cortáronse ducias de carballas, moitas delas centenarias, sen ter necesidade algunha, solo para vendelas para leña. Unha motivación claramente insuficiente para xustificar a desfeita que alí se ocasionou.


Ademais do problema irreversible da desaparición desta carballeira, agora resta outra grave consecuencia, como é o risco de lume para o lugar.


Desaparecida a carballeira, tanto toxos como xestas, que antes tiñan o seu crecemento moderado pola sombra das carballas, agora non solo crecen aceleradamente senón que  na tempada mais quente este sotobosque vai secar axiña co correspondente risco de incendio e propagación do mesmo.


Como ademais o lugar queda preto da estrada que sobe desde Barbantes ao Carballiño, que é un lugar onde acostuman producirse lumes tódolos anos, parece evidente que o dano foi múltiple e as consecuencias diversas.


Puxéronse os feitos en coñecemento do Seprona e do Distrito Forestal número 11, aínda que ignoramos se foron tomadas algún tipo de medidas. Agardaremos os resultados unha vez que tais actos, ademais dos evidentes danos ao medio ambiente e á flora autóctona, acaban representando un mal exemplo para os veciños, no caso de quedar impunes.