Skip to main content

Aprendendo dos cans.

Posted in

28-07-2009 - Se teño que nacer de novo non tería inconveniente en que me criara unha cadela. Non é que estea descontento co trato de miña nai humana, pero case podería asegurar que ningunha nai humana é capaz de lle dedicar tanto tempo, cariño, hixiene e coidados a seus fillos, como o fai unha nai cadela.


É a terceira vez que a Pili ten fillos. Sei que non debería ter permitido que quedara preñada ningunha vez pero, en 10 anos tres embarazos non me parecen moito, aínda que todos foron por imposibilidade de o impedir. Na última, o can pasou entre a tela metálica e o muro deixando pelos arrincados polos arames. Solo foi unha vez, pero quedou preñada.


Asistimos ao parto e ao corte do cordón umbilical, así como á extracción das crías da súa bolsa materna. Hasta aí poderíase dicir que todo responde ao instinto animal.


Despois acompañamos os doce días que os cachorros estiveron cos ollos pechados e durante os caes a cadela negouse a abandonalos, sequera un momento, para facer as súas necesidades ou comer.


Comía porque lle levabamos a comida ó lugar onde tiña os fillos. Pouco a pouco conseguimos que saíra uns minutos para facer as necesidades e despois volver canda eles.


Durante eses doce días e durante as vinte e catro horas do día nunca os abandonou, dáballes de mamar e mantíñaos nunha impecable hixiene. Hixiene que non é doada, porque as cadelas non dispoñen de artigos para recen nacidos como temos nos, así que, o sistema, consiste en lamber os lugares por onde as crías evacúan e inxerir, tanto o mexo, como os excrementos. Nunca vin que ningunha nai humana que fixera outro tanto, é evidente que contamos con outros métodos, pero nin así algunhas nais humanas manteñen aos seus fillos limpos.


Pode parecer que ese sistema non é dabondo para manter a hixiene pero, esas crías, cheiran que da gusto e nunca as toallas onde estaban as vimos manchadas con mexo ou con excrementos. A hixiene no pelo e no resto do corpo era igual de sistemática, o pelo está impecable así como as barrigas e o resto do corpo das crías. Limpeza sistemática e continua que se aplicaba a tódalas horas, incluso cando non cumpría.


É seguro que o trato, a hixiene, a responsabilidade e o cariño desa nai, nada ten que envexar ao de calquera nai humana e supera en moito o de algunha delas.


Eses fillos foron criados con tódolos mimos, limpeza e coidados que se pode ter con un fillo. Desde logo que as crías dos cans non saen preparados, polas suas nais, nin para sufrir, nin para ser maltratados, nin para pasa frío o necesidades.


O feito de que algún humano embrutecido, tipo de suxeito que solo se da na nosa especie, pense que os cans poden estar o día todo atados a unha cadea, a choiva e ao frío, alimentarse de restos ou de lixo e vivir entre excrementos, solo demostra a ignorancia da nosa especie. Teña o cargo que teña o estudiara o que estudiara.

Aos animais gústalles a boa vida, os sofás, o calor no inverno e o fresco no verán, ser ben tratados, as caricias, a hixiene, a boa comida e durmir en lugares cómodos e bos. Facer o contrario é debido á ignorancia humana, non a que os animais sexan insensibles ou a que non lles importe vivir de calquera maneira.


E se algún destes animais non está nas condicións adecuadas de hixiene e salubridade para acompañar aos humanos el calquera lugar, non será por culpa do animal e si do irresponsable do seu dono. Coñezo moitos humanos que descoidan a sua hixiene moito mais que calquera can, así que non entendo que , en certos lugares, se prohiba a entrada de cans e se permita a de humanos polo solo feito de selo.


Baseado no que aprendín da Pili, sei que, os moitos humanos que maltratan a seus cans, fano porque chegaron a un grao de embrutecemento impensable en calquera especie animal, porque ningún can, ou outro animal calquera, seria capaz de maltratar desa maneira a un humano, e non o farían porque saben o que é bo, dan o mellor que poden, e non teñen a maldade nin o egoísmo de lle facer ás outras especies o que a eles tampouco lles gustaría que lles fixeran.

Se o desexa pode ver a imaxes do parto de unha das crias neste enlace. (as imaxes poden ser ampliadas)

AdjuntoTamaño
Parto do terceiro fillo da Pili.doc6 MB