Skip to main content

Os amos, dos políticos e do mundo.

Posted in

29-07-2009 - Se alguén pensou un día que había que pagar a Facenda e non defraudar é moi posible que nestes tempos estea cambiando de opinión rapidamente, porque  quen nos defrauda é Facenda a nos.


Non solo polas inxentes cantidades de cartos que lle teñen regalado á banca, senón porque, día a día, estamos comprobando o mal uso que se está facendo destes recursos que con tanto traballo todos aportamos.


Pensaba razoar sobre a corrupción da clase política, un dos colectivos mais desprestixiados do noso País, pero todo indica que tal argumento é outra falacia xa que, ese razoamento, solo é aplicable si continuamos no engano de que os políticos representan ao pobo , ou aos seus intereses, tal e como foi concibido na súa orixe, na democrática antiga Grecia.


Hai xa séculos que os políticos deixaron de representar ao pobo que os elixe e non son mais que os “homes de palla” do sistema e das grandes empresas.


Hasta hai poucos anos, aínda era elixido, de vez en cando, un representante da cidadanía que intentaba defender os intereses da maioría. As grandes empresas atopábanse con problemas de diminución de beneficios e de nacionalizacións, en beneficio do pobo, que remataban cando estas grandes corporacións financiaban un golpe de estado militar ou unha invasión de “marines” americanos.


Tal procedemento tiña moitos inconvenientes, porque daban mala imaxe debido a cantidade de mortos e desaparecidos que había polo medio, vexase os casos de Chile, Arxentina, Brasil e incluso España coa nosa guerra civil.


Así que a opción que tomaron foi que lles saía mais barato, financiar a un par de partidos en cada país, con cartos suficientes para que sexan os únicos con posibilidades de gobernar (sen cartos e bo financiamento ningún partido chega ao poder), e despois que os “electores” leven ao poder a calquera deles, xa que os dous defenderán os intereses desas grandes empresas e por extensión de tódolos empresarios.


A cousa, no comezo, facíase con bastante disimulo, aínda que cada día faise con menos. Cada un dos partidos semella defender posturas antagónicas (esquerda e dereita), pero tales diferencias son solo cosméticas e refírense mais a asuntos triviais e sociais, que económicos. Así un dos partidos poderá defender o aborto libre e o outro non, pero en asuntos económicos, como beneficiar ás grandes empresas, entregarlles a uso da terra e dos recursos, permitirlles abusos contra o medio ambiente, contra os consumidores e contra os traballadores, ámbolos dous partidos terán, e teñen de feito como podemos ver a cotío, posturas idénticas.


Un dos exemplos mais descarados que saíron á luz públicas nos últimos meses, foi o dos fondos repartidos xenerosamente polo goberno central entre os concellos, co obxectivo, suposto, de “crear empregos”. 

Xa explicamos como no Carballiño e nos demais concellos , Vigo por exemplo, pouco se tivo en conta o numero de postos de traballo que se creaban, nin a utilidade que se deu á utilización deses fondos. Procurouse a maneira mais rápida e menos traballosa de os gastar, de maneira que acabaran de seguida nas mans de algún empresario amigo, cos acostumados beneficios para os políticos locais, normalmente pouco capacitados e nada competentes en asuntos de administración de recursos, encargados de repartilos.

Nestes lugares simplemente gastaron os cartos en quitar aceras, que estaban en perfecto estado e cambialas por outras novas. Nin se preocuparon de poñer aceras onde non as había ou, o que sería case imposible para as súas poucas capacidades administrativas, procurar un uso adecuado e útil para tantos recursos que se dilapidaron de maneira estúpida.


Nos traballamos e poñermos os cartos e despois, eses cartos, son malgastados e entregados da maneira mais descarada e chapuceira á banca, e ás grandes empresas.


É evidente que tanta estupidez e torpeza non pode acontecer por acaso, e ninguén dubida que detrás da aparente incompetencia, que tamén existe e moita, agochase outro tipo de intereses.
(http://www.lavozdegalicia.es/sociedad/2009/07/23/0003_7863936.htm ).


Sobran os exemplos do enorme poder que ten o grande capital para se facer cos nosos cartos e de como mangonean aos políticos que gobernan “no noso nome”, aínda que financiados, pagados e mandados por eles.


Acabamos de asistir aos abusos de Iberdrola, nos canons do Sil, ante a pasividade do anterior e do actual goberno. Ninguén se atreve a lles poñer obxección algunha, e eso que non están levando a cabo unha obra para solucionar un problema urxente ou indispensable, non, están “ampliando o negocio” para gañar mais cartos. Todo a conta da nosa Terra, que non dubidan en utilizar como o patio traseiro da súa casa para plantificar calquera tipo de desfeita que lles permita facturar cada ano mais co anterior. As obras seica van durar cinco anos así que veremos o Río Sil seco mais veces.


Cangas, factoría de Massó, aí están de novo os políticos defendendo os intereses ilegais de unha grande empresa, fronte a oposición de toda unha cidade que ten varias sentencias a seu favor. A legalidade non se aplica, pero si a represión aos que lexitimamente protestan, mándalle aos antidisturbios. En lugar de prender aos explotadores e depredadores, mallan a paos aos veciños, donos do lugar e principais interesados neses asuntos, para que calen. E eso que alí manda o BNG.


Non e solo un determinado partido, son todos, se o PSOE parou a piscifactorías de Pescanova, foi porque tiñan outros “socios”, neste caso Slot Farm. Claro que agora, co novo goberno, van seguir coa desfeita, pero en lugar de Slot Farm, vai ser de novo Pescanova. Desta vez tamén coa oposición de tódolos veciños dos lugares afectados que xa dixeron, por activa e por pasiva, que non queren que lles escarallen as leiras, onde plantan a súa comida, para poñer granxas de peixe plano. Pero nestes casos, de intereses “superiores”, a famosa propiedade privada do capitalismo non existe.


Basta con botar unha mirada a diario nos xornais para ver que, a maioría das “actuacións” que afectan e prexudican ao medio natural de Galicia, sempre son a favor de grandes empresas, sempre coa oposición dos veciños e sempre co apoio de calquera dos partidos que goberne nese momento, sexa cal sexa a súa cor e o tamaño da desfeita. E, a quen proteste, mándalle as forzas de represión, que seica están para “velar” pola nosa seguridade.


Se alguén ten dúbidas, que repasen a historia de calquera das barbaridades que se están facendo en Galicia para que as grandes empresas gañen mais diñeiro. Por exemplo, a historia dos parque eólicos e o prezo que lle pagan aos paisanos polas terras, o “parque medioambiental” de Carballeda de Avia, as barbaridades das mini centrais,  os encoros dos nosos ríos, desde Portomarín hai 40 anos pasando por tódolos que se fixeron despois, as expropiacións das autovías, as do AVE, as granxas de peixe plano, os postes de telefonía móbil, os portos deportivos, os tendidos de alta tensión, as canteiras ilegais do Courel, o porto exterior de Coruña, as barbaridades dos canons do Sil, os recheos da Ría de Vigo, a degradación do litoral, etc. maiormente grandes obras que responden a intereses de grandes empresas e case nunca aos do pobo, como serían hospitais, resdencias, colexios, garderías, transporte público, etc.


E se con eso non é dabondo, pensen nas razóns polas que se consenten monopolios de facto como no caso dos combustibles, o gas, a electricidade, o teléfono, a producción de leite, etc. que aínda que formalmente existe competencia, ninguén dubida de que as empresas están de acordo para obter os máximos beneficios, vendendo caro aos consumidores e pagando unha miseria aos productores.

Ían baixar os prezos e aumentar a calidade debido á competencia, esa era a propaganda do goberno para privatizar empresas que eran de todos e daban beneficios e que agora benefcian aos poucos  accionistas que as compraron, ben baratas por certo.  E agora os capitalistas, donos delas, non son tan estúpidos de se pelexar entre dúas ou tres empresas para perder cartos. Sempre é mellor poñerse de acordo, acordar prezos e gañar o máximo posible.


Pois o mesmo ocorre coas concesionarias, tanto de servicios públicos como de obra pública, dúas ou tres empresas xigantes presentan ofertas á alza sendo que, o que presenta a “mellor” oferta, será aquele ao que lle “toca” gañar ese concurso. Mellor oferta que se irá alternando entre os diversos “ofertantes”, nas sucesivas obras, para repartir o pastel dos nosos impostos, facendo obras a prezos esaxerados e con beneficios brutais.

Conclusión, os políticos non son corruptos, fan o seu traballo como empregados de quen lles paga.

Por se non o leu, vexa un interesante artigo de Pérez Reverte:

http://xlsemanal.finanzas.com/web/firma.php?id_edicion=4307&id_firma=9091