Skip to main content

Postos de traballo e agro.

Posted in

03-08-2009 - Un bo exemplo dos tempos duros os que vivimos actualmente, pódese comprobar cando se aspira, como moito, a ter un posto de traballo ou a que o que temos non nos falte.


Se iso é progreso non sei ao que se lle pode chamar andar para tras, porque non semella que eso sexa mellorar de vida, moito polo contrario, parece que conseguen comprar as nosas vontades por un prezo cada vez mais barato.


Hai décadas o traballo era algo considerado como un mal necesario. A aspiración máxima da xente era non ter que traballar, porque empregos sempre había e se saías de un logo atopabas outro.


Hoxe en día, a cambio de un posto de traballo páganse millonadas, permítese a destrucción do medio ambiente ou conséntese a instalación de calquera tipo de industria, contaminante ou non, no rural ou en calquera veciñanza, con tal de que a desfeita xere algún “posto de traballo”.


Tamén é utilizado polos especuladores e seus axentes comerciais, os políticos, para xustificar calquera desfeita no lugar menos pensado, a creación de industrias velenosas, a destrucción do litoral con piscifactorías, a existencia de minas a ceo aberto en pleno Courel, a instalación de lixeiras no Ribeiro, a creación de  parques industrias en calquera concello rural,  etc.


Mal nos ten ido nas últimas décadas para que nos esteamos a vender por tan pouca cousa. Ou, tal vez, moita cousa, se comparado coa necesidade na que nos teñen somerxidos coa finalidade de teren sempre, e en tódolos lugares, a moita xente disposta a defender a maior desfeita que pretendan instalar, con tal de contar coa expectativa dos desexados “postos de traballo”, sexan estes nunha industria de reciclaxe de lixo ou unha fábrica de bombas atómicas.


Aí temos por exemplo os traballadores de Ence, os da central nuclear de Garoña e moitos outros que traballan en lugares dos que, si puideran, sairían correndo pero  xustifican o seu perigo e defenden a súa existencia, porque saben que non hai outra cousa para poder comer.


Unha das principais tácticas que se utilizan para destruír o rural e alí instalar calquera tipo de industria que non acepten en lugares onde os veciños están mais escarmentados, é o feito de que nunca os políticos se preocupan de mellorar a vida los labregos. Fano intencionadamente e por interese do sistema que protexen e defenden.


Melloras que deberían vir de proxectos de modernización do agro, racionalización e mecanización da producción agrícola, incentivos á agrupación de parcelas, axudas para compra de maquinaria, etc.


O agro mantense no atraso de maneira a que as terras sempre poidan ser expropiadas por poucos cartos, xa que non producen nada, e os labregos comprados con calquera posto de traballo mal pagado e insalubre, porque lles é imposible sobrevivir solo da agricultura.


A falta de información e de cultura incrementa os danos neste aspecto xa que, o propio labrego, non sabe ben que tipo de vida, mellora ou inversión debe reivindicar e acepta a industrialización precaria e terceiro mundista do campo como algo beneficioso.

Renuncian a ser os seus propios amos e á liberdade de organizar a sua vida cultivando as suas propiedades e sacándolles rendemento, a cambeo de ser os servos de algún patrón que lles dea ordes e gañe, co seu traballo, dez veces o que a eles lles pagan.

Os propietarios de leiras en Galicia, malvenden terras que un día, en caso de malos tempos e de fame, podería dar de comer aos seus fillos ou netos, caso que xa aconteceu no pasado e previsiblemente voltará acontecer nun futuro non moi lonxe.


Para as industrias, cada día menos aceptadas nas grandes urbes que xa as identifican con ruídos, contaminación, vertidos, etc., esta situación repórtalles grandes beneficios, porque os custos de trasladar a producción son compensados ao ser recibidas cos brazos abertos e con axudas nestes  pequenos concellos, atrasados e provincianos, onde tamén lles venden os terreos a prezos de regalo e os salarios son de auténtica miseria.

Os productos acabados son despois transportados aos lugares de consumo mediante as numerosas autovías que, o mesmo sistema, xa se ocupou de facer construír para servir aos seus intereses. Practicamente o mesmo que as empresas que se van a China ou Singapur, solo que en plan doméstico.


E así, vendendo o noso rural e destruíndo a nosa natureza, continúa o “progreso” do noso agro. Vexan cal é o concello galego que hoxe non ten proxectado un “parque industrial” ou está “preparando” aos seus veciños para algunha desfeita, coa promesa dos famosos “postos de traballo”.


Eso sen contar coa especulación que está acontecendo en moitos concellos coas terras dos labregos, onde lles compran as fincas, por poucos euros, para facer parques industriais, despois son urbanizadas con fondos públicos e, finalmente, vendidas por parcelas con plus valías de 50 ou 100 veces o valor orixinal.
Ese é o futuro que nos teñen preparado para o noso rural. Encima de burros, mallados.

Algúns casos:

http://www.laregion.es/noticia/97939/beariz/construcción/parque/industrial/

http://www.laregion.es/noticia/97192/cea/proyecto/parque/empresaria/industrial/obras/