Skip to main content

Vendepatrias

Posted in

07-08-2009 - Por se fora pouca a desfeita que está ocasionando en Galicia a explotación desaforada de canteiras, tanto de pedra como da lousa, os espoliadores da nosa Terra que se están enriquecendo coa destrucción do Courel, do Porriño e de tantos outros lugares, así como da contaminación dos ríos e dos depósitos descontrolados de escombros, cumpinchados cos políticos de turno que solo visan o lucro, están a programar unha campaña, dotada con mais de 500.000 euros, para “dinamizar” a industria da lousa e promovela no Reino unido e Irlanda: http://www.laregion.es/noticia/99121/pizarra/gallega/Reinounido/Irlanda/

Esa é a idea que teñen estes  inmorais do que representa a extracción racional e a explotación sostible dos recursos. Non queren seguir vivindo e vendendo unha cantidade razoable de lousa e de pedra, non , queren aumentar o negocio, gañar mais cartos, facer mais buratos en Galicia, contaminar mais ríos, acabar coas montañas de granito e transformar o Courel e Valdeorras nun inmenso burato que eles van cambiar por cartos.


Falan da desfeita como se fora unha grande fachenda, “progreso para o lugar”, “riqueza para a comarca”, “postos de traballo”, etc. esquecendo calquera referencia á monstruosidade na que se transforma a paisaxe natural e que facilmente se aprecia nas proximidades de O Porriño, tanto da cidade como nas canteiras que se agochan entre o montes de Redondela e que proliferan por tódolos sitios, quedando ocultos polo relevo e polo piñeiros.

Tampouco din nada de que esa “riqueza” toda vai para as mans de uns poucos oportunistas mentres aos traballadores solo lles reporta uns postos de traballo velenosos, mal pagados e perigosos. Cando o “chollo” remate terán sobrevivido malamente, quedaranse coa desfeita e unha posible silicoses e coa súa terra destruída, xa non dará mais os froitos que antes sementaban nas hortas e dos que se podían alimentar.


Cando a cousa remate Galicia quedará chea de buratos, os montes de granito desaparecidos, a paisaxe transformada nunha inmensa canteira e os vendepatrias que viven do sangue e de espoliar a nosa terra, a nosa paisaxe e os nosos recursos naturais, quedaranse cos cartos nos que transformaron tanta beleza natural. Esperamos que lles sirvan para metelos onde lles quepa.


Porque o que estamos asistindo día a día non é outra cousa que a transformación , por parte de empresarios e políticos sen escrúpulos, do medio natural en cartos. E non  é porque lles faga falta é simplemente por cobiza e porque nunca lles chega, mentres haxa de onde sacar cartos van a continuar facéndoo hasta que rematen con todo.

Exemplos do "progreso", "riqueza" e "dinamización" que esas aventuras representan, está a historia chea para quen queira aprender da experiencia, desde a minas de prata de Potosí hasta as de Aznalcollar nos nosos días.